Proxectos

Ramón de Arana y Pérez

Ramón de Arana y Pérez (Ferrol, 1858-1936), máis coñecido como Pizzicato, foi Enxeñeiro da Armada de formación, profesor na Escola de Artes e Oficios de Ferrol; redactor e xornalista no Correo Galego e colaborador noutros medios rexionais e españois de profesión, pero folclorista de verdadeira vocación. A súa personalidade é, sen dúbida, unha das máis representa do pensamento finisecular aplicado sobre a música en Galicia, superado o pensamento e as teorías emanadas do Rexurdimento.

Formado musicalmente na tradición familiar representada polo seu pai, o soado músico, director de bandas castrenses e compositor Eduardo de Arana e polo seu avó, Joaquín de Arana, nos seus escritos deixa ver toda a herdanza ideolóxica do pensamento galego anterior, que aplica á música e imprímelle o novo rumbo do movemento rexeracionista liderado nos seus inicios por Francisco Asenjo Barbieri e continuado máis adiante por Felipe Pedrell. Nel inscribe todo o seu pensamento que se ve tamén influenciado polo regionalismo en boga entón dentro da política. Rexurdimento, Rexeracionismo e Rexionalismo, son así os factores sobre os que Arana edifica todo un elaborado discurso dialéctico, cuxo fin último era dotar á música galega de dignidade artística por medio da reivindicación dunha personalidade propia, sólidamente sustentada agora sobre o coñecemento do seu pasado histórico e o do seu folclore. Este ideal para Arana tiña a súa paradigma na figura do músico lucense Juan Montes, modelo a seguir para lograr unha verdadeira e sólida música galega que puidese competir coa europea dentro e fóra das nosas fornteras.

Ao longo da súa vida mantivo unha intensa relación profesional e epistolar con Juan Montes, Canoto Berea, Indalecio Varela Lenzano, Casto Sampedro, Santiago Tafall Abad, Perfecto Feijóo, Leandro de Saralegui, Francisco Tettamancy, Manuel Murguía e Felipe pedrell, entre outros. En 1901, en coautoría con Varela Lenzano, obtivo premio dos Xogos Florais celebrados en Lugo, polo seu Monografía sobre la música patriótica española. En 1910 o seu cancionero titulado, Cantos, Bailes y Tonadas de Galicia foi igualmente premiado na Exposición Nacional de Belas Artes celebrada en Madrid. Arana foi ademais un dos colaboradores de Pedrell na redacción do capítulo dedicado a Galicia no seu Cancionero Popular Español. Tamén achegou a Casto Sampedro numerosos materiais para a elaboración do Cancionero Musical de Galicia que realzaría con Víctor Said e que obtivo en 1911 o premio da Academia de Bellas Artes de San Fernando.

Entre os seus numerosos escritos, ademais de numerosísimas columnas xornalísticas, destacan as súas “Romarías ferrolás” ou “Música popular ferrolana”, publicados desde o Almanaque de Ferrol que editaba Leandro de Saralegui e onde apareceron tamén os traballos dedicados a “El teatro en Ferrol. Una efemérides” o “El órgano de San Julián”. Gran difusión alcanzo “Solo de gaita” e “Solo de gaita (coda)” estudos de organografía galega, aparecidos no Boletín da Real Academia Galega en 1910. En 1919 foi proposto como membro da Real Academia Galega, renunciando en 1925.

 

Javier Garbayo Montabes