Proxectos

Reveriano Soutullo Otero

Reveriano Soutullo Otero (Ponteareas, 1880-Madrid, 1932)

É un dos compositores máis influentes e importantes do primeiro terzo do século xx. Os seus tándems con compositores como Lorenzo Andreu Cristóbal ou Pablo Luna Carné nos seus inicios, así como con Juan Vert Carbonell na súa madurez artística, convertérono nun dos compositores máis prolíficos en obras colaborativas. Obras como La serenata del pueblo (1909), La paloma del barrio(1911), Amores de Aldea(1915), La leyenda del beso (1924), Encarna la Misterio (1925), La del Soto del Parral (1927), ou El último romántico (1928), serían os títulos cos que percorrería o camiño do triunfo.

Soutullo, traballador incansable, desempeñou en Madrid o cargo de copista para a recentemente creada Sociedad de Autores Españoles, ademais de tocar o cornetín en todo tipo de agrupacións. A súa experiencia como copista, arreglista, adaptador e compositor levou ao editor Ildefonso Alier Martra a interesarse por el e a contratalo na súa editorial.

O compositor poría en numerosas ocasións de manifesto tanto a súa condición de galego como o compromiso coa súa Galicia natal, participando en xurados de concursos e certames de bandas de música e orfeóns celebrados en dita comunidade, así como aportando obras propias ou instrumentacións do repertorio internacional para a interpretación de pezas obrigadas en ditos eventos. O seu interese pola música galega, que coñecía en profundidade, manifestouse nas distintas entrevistas que lle realizaron, así como no discurso que leu o día 20 de outubro de 1929 no acto de homenaxe que o pobo de Ponteareas lle rendeu.

Como editor de El Modernismo Soutullo y Villanueva, dotou de repertorio alleo e propio ás bandas de música galegas, contribuíndo á educación musical dos membros destas agrupacións, así como á formación dun público que, a principios do século xx, non tiña moitas oportunidades de escoitar música de compositores galegos ou repertorio dos grandes compositores da historia da música en transcrición para banda. A culminación da súa creación para as mencionadas agrupacións tivo lugar en 1929 coa composición do pasodobre Puenteareas. Tamén compuxo un bo número de obras para sexteto, violín e piano, voz e piano, orfeón, coro mixto e para piano só.

Alejo Amoedo Portela