Os seis dúos para violíns que o hispano José Castel creou durante a década de 1770 uniron nun proxecto colaborativo ao Grupo Organistrum (Universidade de Santiago de Compostela) co Conservatorio Superior de Música de Vigo (Xunta de Galicia). A tarefa consistiu na interpretación e gravación das mencionadas composicións, utilizando dous instrumentos que pertenceron ao recoñecido músico Andrés Gaos: un violín setecentista (con reformas posteriores) correspondente ao Círculo de Mittenwald (Alemaña) e outro construído por Federico Loechner en Buenos Aires ca. 1929. Ambos, trasladados en 2017 desde a capital arxentina ata a USC por Montserrat Capelán e Joám Trillo (coordinadora e integrante de Organistrum), estiveron coidadosamente interpretados esta vez por Pavel Amilcar e Mario Peris, docentes no CSM Vigo.
Entre as fontes primarias utilizadas, destacou unha copia manuscrita da época conservada no Pazo de Tor (Monforte de Lemos, Lugo), así como o impreso que o propio José Castel mandou publicar dos seus dúos en París cara a 1774 (volume custodiado pola Biblioteca Nacional de Francia, entre outras institucións). Javier Gándara (membro de Organistrum e o iHUS) investigou senllos documentos como parte do seu posdoutoramento, publicando recentemente os resultados na revista de impacto Música Hodie (Brasil). O artigo, titulado “Un asunto inexplorado de ámbito non soamente urbano: a música de salón en Galicia durante o século XVIII”, atópase en acceso aberto.
A primeira proba de son para o proxecto colaborativo de gravación entre Organistrum-CSM Vigo tivo lugar neste ano 2025 dentro da Biblioteca América (Santiago de Compostela), cuxos andeis (provenientes de San Martiño Pinario) foron creados precisamente no XVIII. A finais de setembro, o proxecto trasladouse ao antigo Pazo dos Barbosa Maciel (actual Museo de Artes Decorativas) en Viana do Castelo (Portugal), pois unha das súas salas conta con azulexaría setecentista que mostra varias imaxes de violinistas. No devandito inmoble, Roberto Noche (CSM Vigo/USC) gravou con precisión o audio dos seis dúos completos. Tamén se tomaron fotografías e clips de vídeo, grazas ao labor de Manuel Useche.
Máis recentemente, o 9 de outubro, varios dúos de Castel tocáronse en concerto público. O mesmo celebrouse dentro do Auditorio Martín Códax (CSM Vigo) pola inauguración oficial do curso académico 2025/26. Previamente ás interpretacións de Pavel Amilcar e Mario Peris, interviñeron no acto diferentes autoridades dos Ensinos Artísticos Superiores, así como unha representación do Grupo Organistrum (USC). Con todo este traballo, pretendeuse transferir coñecemento diluíndo barreiras entre Universidades, Conservatorios e institucións museísticas a ambos os dous lados da fronteira luso-galaica. Agradecemos sinceramente a participación de todos os implicados.





