Proxectos

O «Álbum de Galicia» do Consello da Cultura Galega incorpora unha biografía dedicada a Marcial del Adalid, investigación a cargo de Laura Touriñán Morandeira

De Lóngora para Europa: precursor na procura do son de Galicia na música académica

De orixe burguesa e enmarcado no Romanticismo centroeuropeo, Marcial del Adalid foi un músico decimonónico galego, de formación europea e autor de composicións acordes coas tendencias estilísticas imperantes na súa época, mais baixo un selo propio e distintivo, que lle outorgou, xa dende o século XIX, un lugar destacado na Historia da Música Española e Galega.
Nace na cidade da Coruña o 24 de agosto de 1826 e foi bautizado ao día seguinte polo rito católico, recibindo o nome de Marcial Francisco Juan Bartolomé del Adalid y Gurrea. Foi o terceiro dos cinco fillos nados do matrimonio entre Francisco del Adalid y Loredo (1792–1855) e Josefa Gurrea Carbonell (1804–1836), pertencentes á alta burguesía coruñesa. Lamentablemente, a súa infancia quedou marcada polo falecemento da súa nai e de todos os seus irmáns, quedando como fillo único e a cargo do seu pai dende moi novo.