Carlos López García-Picos naceu en Betanzos en 1922 e exiliouse en Arxentina tras a Guerra Civil. Durante toda a súa vida mostrou un compromiso constante coa colectividade galega, que se reflicte en moitos aspectos das súas composicións, na súa actividade en varias asociacións de compositores e na súa faceta como director de distintas agrupacións corais.
En Buenos Aires asistiu a clases con Jacobo Ficher, e a estrea do ballet A farsa da procura, A. 16, valeulle a obtención dunha bolsa da Embaixada Cultural de Francia en Buenos Aires que, xunto co apoio de destacadas personalidades do galeguismo como Luís Seoane e Eduardo Branco Amor, permitiu que se embarcase rumbo a París. Alí recibiu clases de composición de Darius Milhaud e Tony Aubin no Conservatorio Nacional de París e, simultaneamente, estudou orquestración con Pierre Wissmer e dirección de orquestra con Léon Barzin na Schola Cantorum.
En 1984 regresa a Galicia e desenvolve a súa etapa máis frutífera desde o punto de vista compositivo. Falece o 23 de decembro de 2009, deixando no seu catálogo, formado por 141 obras, un amplo número de obras sinfónicas, cuartetos, obras pianísticas, para violoncello e para diversas formacións camerísticas.
Javier Ares Espiño
Carlos López García-Picos (1922-2009). Música nas marxes do Prata e do Mandeo
A exposición virtual Carlos López García-Picos (1922-2009). Música nas marxes do Prata e do Mandeo, comisariada por Javier Ares Espiño e María del Carmen Lorenzo Vizcaíno, é resultado da exposición física previa homónima. Inaugurada o 19 de outubro de 2022 na Sala de Exposicións Jesús Núñez do Edificio Arquivo de Betanzos, mantívose aberta ao público na localidade natal do célebre músico, para posteriormente itinerar, o 15 de novembro, ao Claustro Alto no Edificio Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela. Ambos lugares acolleron a exposición con gran éxito, quedando patente a través da repercusión mediática a encomiable labor de recuperación de patrimonio musicográfico.
Esta mostra dixital é froito de anos de traballo en favor da memoria do compositor Carlos López García-Picos, da man do seu principal estudoso, Javier Ares Espiño, ao amparo do Grupo de Investigación Organistrum (GI-2025) da USC e co apoio de importantes organismos e institucións, como a Universidade de Santiago de Compostela, a Xunta de Galicia e o Concello de Betanzos, entre outros.
Encontrará o usuario nesta exposición virtual cinco mesas expositoras fotografadas en alta resolución, así como unha fotografía 360º realizadas por RDC Producciones. Complementa exhaustivamente esta mostra o catálogo, dispoñible para descarga e un paseo sonoro por algunhas das composicións máis representativas da produción do autor. E complétase a visión global mediante a exhaustiva e documentada biografía Carlos López García-Picos: Música a orillas del Atlántico (2016), de Javier Ares Espiño, co-editada pola USC, a Xunta de Galicia e o Concello de Betanzos, hoxe obra de especial actualidade que conmemora o recentemente cumprido centenario do músico.
A monografía Carlos López-García Picos. Música a orillas del Atlántico (2020), é unha exhaustiva e documentada biografía, tanto persoal como musical, do compositor de Betanzos que, tanto no exilio tras a Guerra Civil como logo ao seu regreso a Galicia a partir de 1984, desenvolveu unha intensa traxectoria creativa musical composta por un rico catálogo de 141 obras.
Catálogo da exposición Carlos López García-Picos (1922-2009). Música nas marxes do Prata e do Mandeo (2022), comisariada por Javier Ares Espiño e María del Carmen Lorenzo Vizcaíno.
Paseo sonoro pola exposición Carlos López García-Picos (1922-2009). Música nas marxes do Prata e do Mandeo.
Cartel da exposición física Carlos López García-Picos (1922-2009). Música nas marxes do Prata e do Mandeo. Sala de Exposicións Jesús Núñez do Edificio Liceo de Betanzos, octubre 2022
Mesas expositoras: Sala de Exposicións Jesús Núñez do Edificio Liceo de Betanzos, octubre 2022. Fotos de RDC Producciones
Fotografía 360º da exposición Carlos López García-Picos (1922-2009). Música nas marxes do Prata e do Mandeo. Sala de Exposicións Jesús Núñez do Edificio Liceo de Betanzos, octubre 2022. Fotos de RDC Producciones
Vídeos do Centenario de Carlos López García-Picos. Gravacións das actividades conmemorativas do centenario de Carlos López García-Picos, 2022
Con motivo da conmemoración do centenario de Carlos López García-Picos, leváronse a cabo no ano 2022 diversos actos en torno ao célebre músico, nos que se reflexionou sobre a súa vida, o seu círculo artístico e social, a súa produción musical e o seu estilo compositivo. ademais de realizar múltiples concertos onde diversos intérpretes e orquestras como a RFG e a OSG deron vida a algunhas das súas partituras máis representativas.