Proxectos

Fanny Garrido, a escritora «Eulalia de Liáns»

De ascendencia española-mexicana, nace na cidade de A Coruña o 30 de outubro de 1842, froito do matrimonio entre o Primeiro Médico do Hospital Militar da Coruña, Francisco de Borja González Garrido del Amo, natural de Vilafranca do Bierzo, e Josefa García Cuenca, de México. Ao cuarto día do seu nacemento, foi bautizada na Igrexa Parroquial de Santa María del Campo daquela mesma cidade, co nome de Francisca Claudia Josefa Antonia González-Garrido y García.

Igual cás súas irmás maiores, Ana e Enriqueta, Fanny gozou dunha exclusiva educación que lle proporcionou unha sólida cultura e dominio de varias linguas; tamén as súas incesantes viaxes por Centroeuropa determinaron o seu don de xentes, o seu saber estar e a súa visión progresista das necesidades sociais e culturais da súa época, que a converteron nunha muller -pioneira, rompedora e avanzada ao seu tempo- que refulxía con luz propia alá onde ía. Todo iso reflíctese na súa obra literaria, pois, máis aló das súas renomeadas novelas asinadas baixo o pseudónimo “Eulalia de Liáns” –Escaramuzas (publicada en Madrid, en 1885), La madre de Paco Pardo (na mesma cidade, en 1898) e Batallas (inédita)-, os títulos dos seus ensaios, artigos de prensa e obras literarias menores, dan testemuño da súa preocupación e implicación coa problemática social do seu tempo, así como da súa devoción pola cultura e polo folclore galego, por exemplo: o seu conto Jaque-mate (1887), publicado no Correo Gallego; La fiesta de la patrona (1887), La situación agrícola (1887) e Los infinitamente pequeños (1892), publicados na revista Galicia de Andrés Martín Salazar; El problema de la Mendicidad (1909) e De cómo se salvan las vidas en la primera infancia (1912), escritos en calidade de Vocal do Consello Superior de Protección á Infancia; Sueños, ideales, realidad (1913) como Vicepresidenta do Centro Iberoamericano de Cultura Popular Feminina; etc. Por último, non é posible lembrar a súa traxectoria literaria sen facer mención ás súas traducións ao castelán de obras alemás, como, por exemplo, Viaje a Italia (1891) de Goethe, que inclúe un limiar crítico.

O enaltecemento da súa innegable beleza é unha loa reiterada polos seus biógrafos e isto corrobórase con cada un dos poucos retratos que dela temos. Na nosa hemeroteca galega, Isabel Martínez Barbeito describe así a elegancia da súa presenza: “tenía ojos azules, grandes y dulces, fino cutis, un rostro de rasgos armoniosos; el pelo rubio peinado, de adolescente, en bucles y más tarde en bandos sencillamente recogido en la nuca; todo ello aderezado con un aire de gran señora”. Tal foi o eco da súa fermosura, que ata o noso tempo chega a lenda de que a raíña Isabel II, na súa viaxe a Galicia en 1858 para a inauguración do ferrocarril que unía a cidade de A Coruña con Madrid, cruzouse con Fanny -aínda nova- e, impactada pola súa beleza, mandouna chamar e, ao despedirse, ofreceuse a ser a súa madriña de voda. Esta anécdota, que é clásica da crónica coruñesa, ten visos de ser certa xa que o 16 de xuño de 1860, Fanny Garrido contraeu matrimonio co eximio compositor galego Marcial del Adalid y Gurrea na Capela-Oratorio do Pazo do Excmo. Señor Capitán Xeral na Coruña (actual Pazo de Capitanía Xeral), e constan como padriños do casamento insignes personalidades da nobreza española enviados especialmente en representación da monarca .

A vida deste matrimonio desenvolveuse entre Madrid e a súa residencia en Oleiros con intermitentes estadías no estranxeiro, especialmente na capital francesa. Nesta granxa –como así chamaba o Mestre Adalid ao seu Pazo de Lóngora- eran tradición os seráns rodeados de amigos artistas e intelectuais: Emilia Pardo Bazán, Sofía Casanova, os pintores Taibo e Lloréns, Pan de Soraluce, Alfredo Tella, Pérez Lugín… Foi este lugar tamén escenario de inspiradas composicións como Cantares viejos y nuevos de Galicia (1877-1881), obra que funde o talento destes dous creadores en fermosas melodías galegas que recollen a máis pura esencia da nosa terra, como así expresou a Condesa de Pardo Bazán: “la exquisita sensibilidad del autor le ayudó a entender y expresar el contenido de la música de nuestras tierras, semi-guerrera, religiosa al modo vago y panteístico de los celtas, y sobre todo –lo han reconocido cuantos la oyeron- melancólica, velada como nuestro cielo, quejosa como nuestros pinares y como el oleaje de nuestro mar de Cantabria. Con sumo tacto acertó Adalid a conservar a los cantares gallegos su idílica sencillez, su campestre frescura, sin robarles el color y el sabor regionales, sin profanarlos con adornos que así sientan al arte del pueblo, cual flores de trapo sobre un arbusto lozano y natural”.

Cómpre mencionar aquí o feito posiblemente máis importante, e quizais menos coñecido, de toda a traxectoria de Fanny Garrido: o 29 de decembro de 1883 ten lugar o acto constitucional da “Sociedade de Folk-Lore Galego”, na rúa Tabernas, nº 11. No seu compromiso con Galicia, acompañando á presidenta e promotora, Emilia Pardo Bazán, figura Fanny Garrido coma socia fundadora na xunta inaugural da institución, sendo ambas as únicas mulleres participantes, fronte a unha maioría masculina. Posteriormente estaría presente tamén na primeira listaxe xeral “folkloristas considerados como socios fundadores” da “Academia Gallega”, esta vez a carón de outras galegas ilustres coma Filomena Dato, Joaquina Otaño, Matilde Frade ou Francisca Fernández Vaamonde, entre outras. É debido á súa contribución nestes sucesos históricos que foi nomeada Académica Correspondente da Real Academia Galega o 15 de setembro de 1905.

Do seu matrimonio con Marcial nacería unha filla, María de los Dolores Francisca del Adalid y González Garrido (1874-1930), única herdeira, que ao termo da súa vida entregaría xenerosamente as bibliotecas de música e medicina da súa familia á Real Academia Galega. Este legado bibliográfico orixinariamente privado, hoxe coñecido coma “Fondo Adalid”, destaca pola riqueza e singularidade das súas pezas e este acto de doazón foi conmemorado e agradecido pola Institución co seu nomeamento como Académica de Honra o 5 de marzo de 1929.

Tras seis anos de viuvez, Fanny Garrido contraería matrimonio co prestixioso catedrático e químico lucense José Rodríguez Mourelo. Rodeada de homes de ciencia – como Ramón y Cajal, Echegaray ou Torres Quevedo, entre outros- e implicada na beneficencia e no mecenado, pasou esta segunda etapa da súa vida asentada en Madrid, quedando Lóngora como residencia estival. Chega ao seu fin a súa vida o 11 de novembro de 1917 na capital, nova que foi recollido pola prensa nacional con gran pesar por ter perdido a sociedade unha das súas máis carismáticas e distinguidas damas.

Laura Touriñán Morandeira